Por unha Europa Claramente Feminista
Programa PFAC Eleccions Europeas 2024
PFAC ANTE AS ELECCIÓNS EUROPEAS: POR UNHA UE BASEADA NA IGUALDADE, NA LIBERDADE, NA XUSTIZA
A Unión Europea declara no Tratado de Lisboa (2016) e na súa Carta de Dereitos
Fundamentais (2012) que os seus obxectivos perseguen a paz e o benestar da
cidadanía, sen fronteiras interiores, así como a promoción da paz, a solidariedade, o dereito internacional e o desenvolvemento sostible fora das súas fronteiras,
baseándose nos seguintes valores: Dignidade humana, Liberdade, Democracia,
Igualdade, Estado de dereito e Dereitos Humanos.
O feminismo centra a súa loita na conquista da igualdade de dereitos, a liberdade e a emancipación das mulleres. Isto implica a igualdade de tódolos seres humanos
mediante o firme compromiso cos dereitos fundamentais das cidadás e os idadáns e as políticas públicas de redistribución da riqueza, e coa preservación do mundo que compartimos. Por iso, o feminismo non pode aprobar a actual política da Unión Europea, guiada polos intereses de lucro e beneficio capitalista.
Pero mentres non consigamos transformar profundamente esta situación, debemos esixir reivindicacións concretas que melloren a vida das persoas e debiliten as estruturas opresivas e inxustas.
Por outra banda, aínda que a Unión Europea constantemente emite lexislacións de obrigado cumprimento para tódolos países sobre as máis diversas cuestións,
observamos unha neglixencia indignante no referido a dereitos básicos das mulleres.
Así ocorre, por exemplo, co aborto aínda prohibido en Malta e moi restrinxido en
Polonia e Hungría. Ou tal e como ocorre coa prostitución ou a comercialización da capacidade reprodutiva das mulleres, a compravenda de bebés, ou a violencia
patriarcal, etc. Nestes asuntos, extremadamente graves, a UE limítase a facer
“declaracións e recomendacións” cando non a introducir formulacións
perversamente lesivas.
Por último, os estados membros, e así ocorre no caso de España, incumpren a miúdo as directivas aprobadas polo Parlamento Europeo relacionadas coa promoción da igualdade de dereitos das mulleres. Isto supón un fraude político inaceptable.
Por todas estas razóns, o Programa electoral do PFAC para as Eleccións europeas de 2024 céntrase na reivindicación dos puntos clave da Axenda Feminista e na defensa dos dereitos das mulleres nos ámbitos máis relevantes nos que o Parlamento Europeo ten a competencia de lexislar para contribuír á súa consecución.